O Centro de Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET) conta, a proposta do padroado, e tralo seu nomeamento na 56ª xuntanza do órgano, e ratificación do Consello de Goberno da USC do día 26 de xaneiro, con nova Directora Científica, Azucena Mora Gutiérrez. Mora é profesora do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, onde desenvolve a súa carreira académica e investigadora liderando a liña de Seguridade Alimentaria e Resistencia aos Antibióticos “da granxa á mesa” baixo a perspectiva One-Health, unha única saúde.
Premio Extraordinario de Doutoramento no ano 2002 pola USC, Premio Nacional SYVA á mellor tese de doutoramento no eido da sanidade animal en 2003, Investigadora do Programa Ramón y Cajal entre o 2007 e o 2012, Mora conta cunha sólida e brillante traxectoria investigadora que achega ao CEBIOVET unha nova perspectiva que permitirá a súa dinamización. Ademais, a nova directora, é Coordinadora do equipo asesor en Produción Animal Sustentable do Comité Permanente de Investigación Agropecuaria (SCAR) para a Comisión Europea.
Con este nomeamento, a Fundación activa un dos eixos establecidos no Plan Estratéxico 2022/2025, aprobado na 55ª reunión do padroado, que busca a posta en valor do CEBIOVET intensificando o seu uso e aumentando a súa visibilidade a través da potenciación da actividade investigadora.