A Fundación Rof Codina e o Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet) coordinan un consorcio internacional para avanzar na vixiancia de emerxencias sanitarias e no control da evolución de prioridades globais, como a pandemia silenciosa da resistencia a antibióticos, segundo se puxo de manifesto este venres 17 de marzo durante a visita realizada polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, as instalacións da Fundación.
O xerente da Fundación Rof Codina, Javier Ferreira, deu a benvida a Rueda ás portas do hospital veterinario universitario do Campus de Lugo, ao tempo que lle explicou o importante cometido asistencial, docente e de investigación que nel se desenvolve. O director veterinario do ‘Rof Codina’, Antonio González Cantalapiedra, guiou de seguido a visita da comitiva política e académica, na que, entre outros, tamén estaban o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, así como o decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández Rodríguez, pola área de Farmacia do centro hospitalario, así como polas zona de consultas, quirófanos e pola sala de diagnóstico por imaxe, entre outras dependencias.
Alén de coñecer o abano de servizos e funcionalidades que cumpre o hospital veterinario universitario Rof Codina, a directora científica do Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet), Azucena Mora Gutiérrez, explicou os cometidos deste de centro investigación pioneiro, con implicacións tamén na docencia e na formación de especialistas en medicina humana e veterinaria, ao tempo que deu conta dos proxectos nos que está traballar no eido da One Health.
A investigación impulsada desde o Cebiovet desenvólvese atende prioridades globais recollidas tanto na axenda verde europea como outras sinaladas por organismos internacionais como a OMS, OMSA e FAO, precisou Mora Gutiérrez, para, de seguido, avanzar a intención do consorcio, que coordinan xunto con outros actores galegos, portugueses e franceses, de concorrer a proxectos INTERREG SUDOE.
As infraestruturas para medianos e grandes animais de que dispón a Fundación Rof Codina e o Cebiovet, instalacións que contan con todos os permisos administrativos, e a disposición personal experto en distintas disciplinas biomédicas e con capacitación en experimentación fan do Cebiovet un centro do noroeste peninsular con potencial único para a área da biomedicina, subliñou Azucena Mora.